• Cif: A-15.106.925
  • Dirección: Polígono de Piadela s/n, 15300 Betanzos - A Coruña

Código ético

I. Ámbito de aplicación do código ético

O Código Ético (en diante, o “Código”) recolle o catálogo de normas de conduta e pautas xerais de actuación que deben rexer o comportamento de todos os empregados do GRUPO GADISA (en diante, “GRUPO GADISA” ou “o GRUPO”). Para os efectos deste Código, enténdese por GRUPO GADISA as sociedades e os grupos empresariais coas súas respectivas sociedades que se reflicten a continuación:

  • Gallega de Distribuidores de Alimentación, S.A
  • GRUPO Empresarial Gadisa Retail:
    • Gadisa Retail, S.L.U.
    • Mercartabria, S.L.U.
    • Pontevicus, S.L.U.
    • Lucus Market, S.L.U.
    • Atlántica Saga Ourense, S.L.U.
    • Ecomás Supermercados, S.L.
    • Hipermercados y Economatos, S.A.U.
    • Ezequiel Arribas, S.A.U.
    • Pescarmar, S.L.U.
  • Bienes Inmuebles Corporativos Atlánticos 2008, S.L.U.
  • GRUPO Empresarial INTASA:
    • Industrias del Tablero, S.A.
    • Madeiras do Xurés, S.L.U.
    • Unión de Empresas Madereras, S.A.U.
    • Eume Maderas, S.L.
    • Servicios Cogeneración Piadela, S.A.
  • GRUPO Empresarial Forestal del Atlántico e Imegasa:
    • Forestal del Atlántico, S.A.
    • Impregnaciones Melanímicas Gallegas, S.A.U.
  • GRUPO Empresarial de Transportes:
    • Transportes Piadela, S.L.
    • Servicios Polígono Piadela, S.L.
    • Servicios de Alimentación Piadela, S.A.
    • Tojeiro Transportes, S.A.
    • Cisternas de Mugardos, S.L.U.

1. Persoas suxeitas

Este Código aplícase a todas as empresas e sociedades dependentes do GRUPO GADISA. Así mesmo, e sen excepción, a todas as persoas do GRUPO con independencia da posición e función que ocupen, e concretamente a:

  • Os directores xerais das sociedades referidas e a Dirección
  • Os consellos de administración de todas as sociedades do GRUPO GADISA.
  • Os empregados de todas as sociedades do GRUPO GADISA, incluído o persoal en prácticas.

O seu cumprimento deberá promoverse tamén entre os colaboradores externos e provedores naquelas operacións que realicen co GRUPO GADISA.

A estas persoas denominaráselles a partir deste momento “Suxeitos ao Código”.

2. Obriga de coñecer e cumprir o Código

Os Suxeitos ao Código teñen a obriga de coñecer e cumprir o Código e de colaborar para facilitar a súa implantación no GRUPO GADISA, incluída a comunicación de calquera infracción que coñezan deste aos órganos de Supervisión e Control, segundo se regula no Manual de Compliance de GRUPO GADISA.

3. Obxectivos

Este Código ten como finalidade proporcionarlles ao GRUPO GADISA e aos seus empregados un instrumento fundamental que sirva como piar das súas actuacións e estableza os principios de conduta que cómpre observar tanto no desenvolvemento profesional como nas relacións do GRUPO cos seus empregados, clientes, provedores, colaboradores, administracións públicas e a sociedade en xeral

4. Alcance

Os principios de conduta contidos no presente Código establecen un catálogo de directrices de actuación que guían o persoal do GRUPO GADISA durante o desempeño da súa actividade profesional, baseándose nos valores e na visión do GRUPO, na súa estratexia corporativa e no seu compromiso tanto cos clientes como con terceiros colaboradores, empresas do sector e a sociedade.

II. Misión, visión e valores

1. Misión

GRUPO GADISA pretende, a través da aplicación deste Código, establecer un marco de referencia ético-empresarial que contribúa a reforzar a confianza nas relacións con clientes, provedores, grupos de interese e coas sociedades que o conforman, de xeito que GRUPO GADISA se converta nunha das entidades de referencia en comportamento ético-empresarial dentro dos seus sectores de actividade.

2. Visión

GRUPO GADISA preocúpase pola innovación dos seus produtos, pola sustentabilidade ambiental e pola transparencia na xestión, así como polo apoio á sociedade e aos colectivos desfavorecidos.

3. Valores

  • Proximidade: GRUPO GADISA traballa comprometido coa filosofía de proximidade ao cliente, honestidade e vocación de servizo, para satisfacer mellor as necesidades dos clientes ofrecéndolles un servizo profesionalizado e a mellor relación calidade-prezo.
  • Calidade: No GRUPO prevalecen os produtos de máxima calidade. Máis alá da actividade de distribución alimentaria, GRUPO GADISA cumpre cos máis altos estándares no resto dos seus procesos industriais
  • Sustentabilidade medioambiental: GRUPO GADISA promove a continuidade das súas actividades no tempo, reforzando o compromiso coa protección do medio ambiente e o benestar social, especialmente nas comunidades onde opera. Por este motivo, o GRUPO desenvolve accións encamiñadas a mellorar a eficiencia nos seus procesos loxísticos, industriais e puntos de venda, promovendo a reciclaxe e a reutilización
  • Transparencia na xestión: Dentro de GRUPO GADISA existe un compromiso claro coa importancia de xestionar a actividade desde un modelo ético e responsable, baseado nos principios do bo goberno, que renda contas con transparencia.
  • Responsabilidade Social Corporativa: Desde GRUPO GADISA mantense un firme compromiso coas necesidades da sociedade que nos rodea, o que se traduce nunha importante aposta polo desenvolvemento social, económico e cultural.
  • Cumprimento da lei: Respecto do ámbito no que se opera, mediante o cumprimento das leis e normativa aplicable, baseándose nos máis altos estándares éticos e preocupándose sobre as consecuencias que as decisións poden ter nas persoas que nos rodean.
  • Creación de riqueza en condiciones dignas: GRUPO GADISA propúxose desde os seus inicios a creación de riqueza en condicións sociais dignas, mellorando a calidade de vida dos clientes, empregados, provedores e da sociedade en xeral. O GRUPO é consciente do valor humano como parte fundamental do éxito da organización e, por iso, a contribución á sociedade é parte da filosofía do GRUPO.
  • Mellora continua: GRUPO GADISA promove o desenvolvemento e a retención do talento e o coñecemento, co fin de desenvolver as súas actividades con eficiencia e fiabilidade.
  • Innovación: É un signo distintivo de GRUPO GADISA a constante innovación.

4. Directrices para identificar comportamentos non éticos

Os Suxeitos ao Código que teñan dúbidas respecto a que unha determinada acción se axuste ou non ao modelo ético do GRUPO poderán consultar as súas dúbidas ante o seu superior xerárquico ou ante os órganos de Supervisión e Control.

II. Misión, visión e valores

As pautas xerais do Código Ético constitúen os piares nos que se asenta a actividade do GRUPO GADISA. Os devanditos principios son obxecto dun desenvolvemento específico para o ámbito da prevención de riscos penais no Manual de Prevención de Riscos Penais do GRUPO GADISA.

Igualdade de oportunidades e non discriminación

O GRUPO GADISA ofrece as mesmas oportunidades no acceso ao traballo e na promoción profesional, fomentando unha cultura corporativa baseada no mérito. No GRUPO GADISA as persoas son contratadas polas súas aptitudes, habilidades, experiencia e capacidade. Non está permitida a discriminación por razón de xénero, orixe étnica, nacional, cultural ou social, estado civil, orientación sexual, crenzas relixiosas ou políticas

Respecto ás persoas nas relacións profesionais dentro do GRUPO GADISA

Os recursos humanos do GRUPO constitúen un factor clave para o crecemento e o éxito empresarial, de xeito que o GRUPO GADISA, todos os Suxeitos ao Código e, especialmente, os que desempeñen funcións de dirección promoverán unhas relacións baseadas no respecto polos demais e a colaboración recíproca

Están prohibidas as condutas de acoso, o acoso sexual, o abuso, a intimidación, as faltas de respecto, a violencia, os comportamentos ameazantes de acoso ou persecución, a intromisión na intimidade persoal ou familiar ou calquera tipo de agresión ou atentado contra a dignidade ou integridade nas relacións profesionais dentro do GRUPO GADISA.

Conciliación do traballo e vida persoal

Co fin de desenvolver o compromiso do GRUPO GADISA coa mellora da calidade de vida dos empregados, os suxeitos do Código promoverán un ambiente de traballo compatible co desenvolvemento persoal, favorecendo entre as persoas dos seus equipos a conciliación do desempeño da actividade profesional no GRUPO GADISA coas necesidades da súa vida persoal e familiar.

Dereitos colectivos

A relación coas organizacións representativas dos traballadores estará baseada no respecto mutuo de cara a promover un clima de diálogo e transparencia.

Prevención de riscos laborais, seguridade e saúde dos empregados

GRUPO GADISA desenvolveu a protección das súas sociedades en materia de prevención de riscos laborais en función da actividade que realiza cada unha, ademais dunha planificación da actividade preventiva, onde se inclúen todas as materias de prevención que se deben acometer no exercicio da mellora continua.

Seguridade alimentaria e calidade dos produtos ofertados

O GRUPO GADISA, dentro da actividade no sector alimentario, proporciona alimentos de máxima calidade, os cales pasan todos os controis e normas sanitarias para o efecto.

Neste sentido, o GRUPO comprométese a ofrecer produtos de alta calidade alimentaria, respectando a normativa en canto a seguridade, conservación dos alimentos e caducidade dos produtos se refire, levando a cabo un control exhaustivo de todos os procesos en materia de seguridade e saúde alimentaria

Protección do medio ambiente

GRUPO GADISA desenvolve a súa actividade segundo os principios e criterios de sustentabilidade e protección do medio ambiente, sendo prioritaria a axeitada xestión dos seus recursos. En concreto, a través das seguintes accións:

  • Respecto ao medio ambiente, facendo un uso racional dos recursos naturais.
  • Fomento do uso sustentable de materias primas e recursos enerxéticos.
  • Cumprimento da lexislación vixente en materia de medio ambiente e, se é o caso, dos compromisos voluntariamente aceptados.
  • Colaboración coas administracións e organismos competentes.

Cumprimento da normativa e comportamento ético

Todos os Suxeitos ao Código actuarán en todo momento con estrita observancia da legalidade vixente, así como dos procedementos internos do GRUPO GADISA aplicables ás súas actividades.

Os Suxeitos ao Código informarán a empresa, a través das canles xerárquicas correspondentes, de calquera conduta contraria á legalidade, aos dereitos humanos ou aos valores éticos promulgados por este Código.

As persoas suxeitas ao Código Ético non poderán dar nin aceptar obsequios que poidan influír na toma de decisións; excepcionalmente, estarán permitidos cando concorran simultaneamente as seguintes circunstancias:

  1. Sexan de valor económico irrelevante, simbólico ou obxectos de propaganda de escaso valor.
  2. Respondan a signos de cortesía ou atencións comerciais usuais.
  3. Sexan entregados ou recibidos de forma transparente e con carácter ocasional.
  4. Non estean prohibidos por lei ou as prácticas comerciais xeralmente aceptadas.

Cando non cumpran con estas exixencias, deberán ser rexeitados ou devoltos.

Confidencialidade da información

Todos os traballadores suxeitos a este Código están obrigados a protexer a información confidencial ou reservada de que sexan coñecedores por razón do seu cargo –xa sexa técnica, financeira, comercial ou de calquera outro carácter– e a non usala fóra do ámbito da súa relación laboral, nin revelala a terceiros sen o consentimento previo por escrito da empresa, excepción feita daquelas solicitudes de información que lle sexan exixidas por autoridade xudicial ou administrativa en termos legais.

Aos traballadores que, por razón das súas altas responsabilidades, teñan acceso a información especialmente sensible a empresa poderalles exixir que subscriban compromisos específicos de confidencialidade como anexo ao seu contrato principal de traballo.

A empresa garantiralles aos seus empregados, provedores, clientes e a calquera que con ela teña relación o fiel cumprimento da normativa sobre protección de datos, adoptando as pertinentes medidas na súa organización para que a dita normativa teña plena eficacia.

Integridade no trato a clientes e provedores

Os suxeitos ao Código teñen a obriga de tratar todos os clientes e provedores do GRUPO con xustiza e integridade, traballando para comprender e satisfacer as súas necesidades baseándose nos altos estándares de calidade e exixencia.

IV. Relacións externas

1. Relacións con provedores

A relación cos provedores de GRUPO GADISA baséase nunhas condicións mutuas de seriedade, rigor e respecto, e aseguran unha colaboración eficaz para as dúas partes.

Esta relación configúrase como un elemento clave na consecución dos obxectivos de GRUPO GADISA, de tal forma que, en todo caso, deberá promoverse a relación ética e lícita con provedores de bens e servizos.

2. Relacións con clientes

Todos os esforzos do GRUPO GADISA van dirixidos a prestar un mellor servizo aos seus clientes. Isto leva o GRUPO a unha adaptación permanente de variedade de produtos, familias e lineais, introducindo novas referencias, sempre baixo os máximos parámetros de calidade.

Nos sectores industriais de actividade, GRUPO GADISA comprométese cos máis altos estándares de calidade.

GRUPO GADISA comprométese a competir no mercado de forma leal, non admitindo en ningún caso condutas enganosas, fraudulentas ou maliciosas, nin sequera cando conduzan á obtención de vantaxes para a empresa.

3. Relacións coa comunidade

GRUPO GADISA promove a participación en iniciativas ou proxectos sociais que contribúen a mellorar o eido en que opera.

Un elemento esencial da xestión é facer as cousas de xeito impecable dentro dos ámbitos nos que actúa GADISA. O compromiso do GRUPO non é outro que tratar de devolverlle á sociedade parte do que lle deu ao GRUPO ao confiar nel.

4. Competencia e alteración de prezos

GRUPO GADISA cre na necesidade dunha competencia xusta e dun mercado competitivo que contribúa á innovación e mellora continuas do GRUPO e dos diferentes sectores nos que opera, de forma que se compromete ao cumprimento da lexislación e normativa sobre competencia.

5. Relacións coas administracións públicas e autoridades

As relacións que estableza o GRUPO GADISA con calquera organismo público ou oficial ou os seus representantes deberán estar presididas polo principio de respecto institucional, colaboración, licitude e ética, cumprindo en consecuencia as resolucións dimanantes destas.

Os actos de suborno estarán expresamente prohibidos, incluíndo o ofrecemento ou promesa, directa ou indirecta, de calquera tipo de vantaxe impropia, calquera instrumento para o seu encubrimento, así como o tráfico de influencias.

V. Aplicación e cumprimento

1. Control de aplicación do Código e competencias

A supervisión do cumprimento do Código correspóndelles aos órganos de Supervisión e Control, que reportarán ao correspondente Consello de Administración de GRUPO GADISA.

Os órganos de Supervisión e Control incluirán nos seus modelos de revisión os controis necesarios para comprobar que se cumpre o establecido no Código Ético, farán as propostas necesarias para a súa mellora e informarán periodicamente o correspondente Consello de Administración de GRUPO GADISA sobre o grao de cumprimento e incumprimentos detectados.

Correspóndelles aos órganos de Supervisión e Control poñer á disposición de todos os empregados e suxeitos obrigados o Código Ético, organizar a formación para o seu axeitado coñecemento e interpretar e atender en xeral as consultas que xurdan

2. Comunicación, difusión e avaliación do Código

GRUPO GADISA adoptará as medidas pertinentes para difundir e comunicar a todos os empregados o contido deste Código Ético. Este labor levarase a cabo por parte dos órganos de Supervisión e Control.

3. Incumprimento do Código e réxime disciplinario

Ninguén, independentemente do seu nivel ou posición, está autorizado para solicitar que un profesional cometa un acto ilegal ou que contraveña o establecido no Código.

O incumprimento do Código pode dar lugar á aplicación do réxime sancionador establecido na normativa laboral vixente ou nos convenios colectivos aplicables, sen prexuízo das sancións administrativas ou penais que, se é o caso, puidesen ser de aplicación, podendo, así mesmo, dar por rematada a relación laboral.

4. Irregularidades

Todos os Suxeitos do Código están obrigados a informar das seguintes irregularidades:

  • incumprimentos do Código Ético;
  • incumprimentos das políticas e procedementos de GRUPO GADISA;
  • outros actos ou comportamentos que puidesen representar unha violación ou infracción do Código Ético.

Tales feitos deberán denunciarse directamente aos órganos de Supervisión e Control a través das canles de denuncias.

GRUPO GADISA preservará a todo empregado que presente unha inquietude de forma honesta, aínda que a realización de acusacións falsas, infundadas ou a ausencia de cooperación na investigación de calquera incumprimento poderán constituír a violación deste Código.

5. Aprobación do Código e entrada en vigor

Este Código entrará en vigor unha vez que sexa aprobado polos correspondentes Consellos de Administración de GRUPO GADISA.

Esta é a versión 2 do Código Ético que foi aprobada no Consello celebrado o día 29 de xuño de 2018.

VI. Órgano de supervisión e control

No marco do presente Código, serán os órganos de Supervisión e Control os encargados do control e xestión das consultas ou denuncias, e os encargados do cumprimento do Código Ético.

VII. Canles de denuncias

Co obxecto de fomentar o cumprimento da legalidade e as normas de conduta establecidas neste Código Ético, créanse as canles de denuncias, en forma de enderezos de correo electrónico canaldedenuncias@gadisa.es, para que os Suxeitos ao Código Ético poidan comunicar aquelas condutas que poidan implicar a comisión dalgunha irregularidade.

Os empregados de GRUPO GADISA que teñan indicios razoables da comisión dalgunha irregularidade ou acto contrario á legalidade ou ás normas de actuación deste Código deberán comunicalo a través da súa canle de denuncias.

En calquera caso, as ditas comunicacións deberán atender sempre a criterios de veracidade e proporcionalidade. A identidade da persoa que comunique unha actuación anómala terá a consideración de información confidencial; polo tanto, non será comunicada ao denunciado, garantindo así a reserva da identidade do denunciante.

O GRUPO comprométese a non adoptar ningunha forma de represalia, directa ou indirecta, contra os empregados que tivesen comunicado, a través das canles de denuncias, unha actuación das referidas anteriormente.